sábado, 8 de octubre de 2011

Na semana mundial da lactación materna...carta ó meu bebé mamífero



Miro o teu embigo. É pequerrecho e redondiño. O embigo é a primeira cicatriz do ser humano, un recordatorio. Cando estabas na barriga alimentábaste por ese buratiño. Gostábame terte na barriga. Ás veces dormías, ás veces revoloteabas e andabas empurrando coa cabeza. Un día empurraches tanto que naciches. Querías curiosear o que había fora. Non che importou o frío de xaneiro. Xa sabías facer moitas cousas, cousas que aprenderas ti soíña ó longo de nove meses.
Unha das cousas que tiñas practicado foi como chuperretear, igual ti non o sabías, ou igual si, pero así te ías enganchar á teta. Eu tamén me prepara para esa importante tarefa. Lera moitos libros e revistas e falara con amigas. Aínda que me esforzaba moito para facelo ben o meu corpo paseniñamente e sen nengún esforzó ía facilitando as cousas. Ó principio foi menos divertido: tiña que andar con coidado calquera roce de nada molestábame moito, pero aquelo pasou. Un día, ó saír da ducha vin un pouquechiño, un case nada de líquido na teta, púxenme moi contenta, sabía que aquelo era para ti. Xa estabas pronta para nacer!
Toda a familia estaba como tola por coñecerte, querían que saíras! Eu non tiña nengunha presa. Fomos facer una foto para que che visen a cariña, a ver se así acougaban. Cando saíches pousáronche na miña barriga, pero esta vez por fóra. Recoñecín aquela foto...claro, era-la mesma!! Que increíble e que normal era todo! Eu chorei, tamén chorou Papá, ti non chorabas, facías burbullas e os teus olliños estaban algo incómodos con tanta luz. Leváronte por un pouco a un curruncho, foi moi pouquiño tempo, pero non che gustou: aí choraches ti! Trouxéronche deseguida ó carón da miña teta, da teta pequena, a teta que che cura tódalas agonías.
A mín angustiabame algo non ser quen de te aleitar, pero ti parecías decir: non te preocupes mamá, deixame a mín, que eu sei! E volas dúas entendéstesvos.
A teta grande, a que tanto lle amolaba a Mamá cando era mociña, costáballe un pouco máis e o final púxose pachucha. Tivémola que levar ó hospital e alí quedamos os tres: a nena, papá e mamá. Coidáchesme moito, igual que eu coidei da miña avoíña cando enfermou. Non querías marchar do meu carón e como me dabas os teus biquiños sonriseiros non conseguía estar triste. A verdade é que á teta grande costáballe un montón entenderse naquel sitio e comenzaron a insistirche para que chuparas dun biberón, pero ti case preferías que non...e a tetiña pequena, tan pequena como fora sempre, esforzouse para darche todo o que precisabas. Grazas a túa paciencia e a que atopamos uns magos que estaban cerca do Castelo do Santo Antón a teta grande curou. Que bonito era ir ata alí paseando contigo e con papá, ás veces viña a tía ou o avó. A Dársena arrecendía a primavera mareira e soleada.


Agora tamén fai sol, un sol de verán, estás aquí dormidiña ó meu carón. Vai moita calor, seguro que dentro de pouco empezarás a remexer, terás sede ou fame, ou simplemente quererás saber que a túa nai segue gardándote, pendente de ti. Non vas abri-los olliños porque aínda tes sono e dormirás un pedazo máis. Buscarás cos beizos, cun aceno que me fai lembrar os xatiños do tío do meu pai.
Ves! xa está, un pouco de teta milagreira e xa volves durmir, todo o que precisamos para pasar unha boa noite está nesta cama, sen máis complicación. É máis sinxelo do que algúns dixeran. Algúns tamén osman: “E, ata cando?” Eu pregúntolles con anticipada soidade se acaso poderei contar toda a vida cun anaquiño da miña pel que che calme os momentos difíciles. Prefiro ve-lo lonxe... e pensar que a teta, como o amor, é eterna mentras dura.

No hay comentarios:

Publicar un comentario

Related Posts Plugin for WordPress, Blogger...